Concello /

É unha honra para min chegar a vós como Alcalde de Mugardos desde este espazo virtual que constitúe un paso máis dado pola corporación que presido, encamiñado á modernización dos servizos e das canles estabelecidas para a comunicación cos veciños e veciñas de Mugardos, así como coas persoas que nos visitan.
Ademais, este sitio web vén cumprir un dos obxectivos prioritarios deste goberno municipal, que non é outro que situar o concello no mundo a través da rede e doutras accións promocionais, contribuíndo a que os moitos atractivos de Mugardos se coñezan desde calquera parte do planeta, para o converter nun destino turístico preferente.
Mugardos teno todo para que así sexa: o seu perfil de vila mariñeira, co seu pintoresco peirao e o seu concorrido paseo marítimo; o peculiar trazado das súas rúas, a súa arquitectura de vistosas cores e de balcóns ao mar; unha historia singular relacionada co seu estratéxico emprazamento na ría... todo en Mugardos está vinculado co mar, sendo a súa exquisita gastronomía —co polbo á mugardesa como achega xenuína á cociña mundial— o polo de atracción de xentes de dentro e fóra da comarca ao longo de todo o ano.
Agardo que esta páxina contribúa a descubrir que Mugardos ofrece un turismo distinto, non masificado, ideal para o paseo demorado e o gozo dos sentidos en espazos nos que a natureza reina por riba de todo e onde todo ten o sabor do mar.