
Mugardos ofrece moitas posibilidades aos visitantes, as súas orixes mariñeiras danlle un carácter especial. Ademais tamén podemos atopar mostras de arquitectura indiana, militar e relixiosa.
Arquitectura Indiana
A vila mariñeira do Seixo é un dos mellores exemplos de Galicia para desfrutar da arquitectura indiana. As orixes deste tipo de construccións remóntanse a finais do século XIX e comezos do XX, cando regresaron aqueles emigrantes das Américas que fixeron fortuna e promoveron iniciativas que axudaron a mellorar as condicións de vida dos seus paisanos.
Así levantaron escolas, pontes, lavadeiros, casinos e vivendas que imitaban modelos arquitectónicos dos países de acollida.
É o caso do Casino Progreso, de Franza, de estilo modernista, ou o Grupo Escolar Francisco Vizoso, a escasos metros do anterior con pranta rectangular, vanos de distintas formas e un corpo central con dous balcóns.
O Chalé de Esperante, de finais do XIX, no centro do Seixo. Destaca pola súa cuberta a oito augas, a modo de chalé alpino, e a súa decoración a base de ladrillo e madeira traballada a modo de encaixe. Finalmente e tamén no Seixo, a casa Montero Cabana, de 1925, consta de tres alturas e nela sobresae a bufarda da cuberta.
Arquitectura Militar
Polo que se refire á arquitectura militar, o castelo da Palma é, sen dúbida, uno dos grandes atractivos de Mugardos, tanto polas súas características arquitectónicas como polos episodios históricos que protagonizou xunto co castelo de San Felipe, na outra beira da ría, e polo entorno natural no que se ubica.
Construído en 1597 e reformado en 1869, atópase ao final da estrada C-122, despois de contornear a bonita enseada do Baño e atravesar a aldea da Redonda.
Xunto co castelo de San Felipe, no lado oposto a escasa distancia, xogou un papel defensivo fundamental en varios episodios bélicos ingleses e franceses cando, a partir do século XVI as condicións da protexida ría, chama a atención da Coroa, que a converte en estratéxica, pasando a ser a cidade de Ferrol capital do Departamento Militar do Norte e lugar de ubicación dos Asteleiros Reais e do Arsenal Militar. Dende estes dous castelos controlábase, xunto co desaparecido castelo de San Martíño, todo o tráfico da ría, bloqueando o paso das embarcacións tendendo unha cadea entre as distintas fortificacións que facía infranqueable a ría.
Arquitectura Relixiosa
Entre as moitas mostras de arquitectura relixiosa que encontramos no municipio, é a igrexa de Santiago de Franza a que, sen dúbida, posee máis valor artístico. De estilo neogótico, presenta unha única nave con bóvedas de crucería. No seu interior destaca o sepulcro renacentista de Pedro de Sillobre, señor de Boado, noble local do século XVI.
A igrexa de San Xiao ou de Arriba ten unha posible orixe románica tardía, con engadidos barrocos, como a torre de 1845. Conserva no interior un interesante retablo barroco. Cerca da igrexa destaca o fermoso cruceiro de San Xiao, en bon estado de conservación, e que presenta símbolos da paixón.
Entre as igrexas de construcción posterior e estilo neoclásico encóntrase a de San Xiao de Abaixo, a de San Xoán de Piñeiro, con lucernario, e a igrexa de San Vicente de Meá, levantada no século XIX sobre unha capela do XVI adicada a Santa Lucía.
Outro interesante exemplo constitúeo a capela de Lodairo ou da Ascensión, en Franza, cerca dun camiño de peregrinación. Data de antes do século XII e presenta unha soa nave cuberta cunha bóveda de canón. Neste mesmo espazo encóntrase o cruceiro de Lodairo, do século XVIII, cunha antiga cruz cun Cristo e coa Virxe en posición orante. Aquí celébrase unha popular romería o día da Ascensión, con peregrinación ata a ermida e comida campestre.