
Bañado pola ría, o municipio de Mugardos posúe un profundo sabor a mar. O relevo é ondulado e bastante baixo, típico de costa, formando paisaxes preciosas e pintorescas. Pola súa formación e polo tipo de rochas, trátaes dun espazo ideal para o marisqueo polo seu fondo de areas e limo.

Todo o territorio mugardés enmárcase nunha franxa costeira onde se atopan diferentes enseadas - O Baño, A Barca, Santa Lucía, O Seixo - puntas - Redonda, Peteiro, Ratón, Leiras, Promontoiro e O Seixo-, e a praia da Bestarruza. Por iso é imposible falar de Mugardos e non do mar.
Un dos seus principais atractivos radica no conxunto formado pola vila e o porto, coas súas vistas á ría. Podemos iniciar o paseo dunha forma peculiar, facendo a viaxe duns 10 minutos dende Ferrol, desfrutando da paisaxe e da brisa mariña. Dende o mar tense unha perpectiva descoñecida da espectacular entrada da ría, cos castelos da Palma e de San Felipe enfrontados.
Chegamos entón ao delicioso e concurridísimo paseo marítimo, onde se desprega unha gran actividade relacionada co mar (calafateado, maza do polbo, limpeza do peixe...). Partindo dende a Casa do Reloxio, sede da Cofradía de Pescadores e Oficina de Turismo, encontraremos as casas de balcóns corridos tan típicas da costa coruñesa, algunhas delas con galería, que acentúan o encanto de Mugardos como vila mariñeira. Este espazo denomínase Cantón da Mariña, xusto ata o monumento á Áncora, na rotonda de subida ao centro urbán.
A partir de aquí, entraríamos no que se chama Cantón de Cora e exténdese ata o acceso á praia da Bestarruza. Entre os dous cantóns, encontraremos a Fonte do Loureiro, e recordaremos a lenda segundo a cal todo aquel que bebese da súa auga casaría cunha muller de Mugardos.
O paseo bríndanos ademais a posibilidade de degustar, en calquera dos mesóns, que se suceden un tras outro, o famoso polbo á mugardesa, á galega, en empanada... en calquera das súas variantes fai as delicias dos moitos turistas que se achegan cada fin de semana.

Despois de repor forzas val a pena continuar o cómodo paseo polo porto ata a acolledora praia da Bestarruza, moi resgardada e de augas tranquilas, onde aínda podemos observar as ruínas da antiga Fábrica de Salazón, do século XVIII.
A enseada do Baño, encontrarémola en dirección ao Castelo da Palma, a través dun agradable paseo rodeado de árbores e unhas inmellorables vistas, no lugar das Mareas. Pasado o Pazo do Baño e rebasada a ponte sobre o río Esteiro, podemos tomar o desvío a man dereita, que nos levará polo Camiño Vello, ao lugar da Redonda, co seu pintoresco faro e cunha pequena enseada onde poderemos ver ás mulleres mariscando.
Se seguimos a estrada desfrutaremos dunha imaxe grandiosa co Castelo da Palma e o de San Felipe e a estreita e espectacular boca da ría. A escaso metros do Castelo da Palma está situada a gran rocha circular coñecida como "Cú da raíña", en memoria do desembarco de Mariana de Neoburgo, cando viaxaba para reunirse co seu futuro esposo o rei Carlos II.
A panorámica é inmellorable se continuamos ata o Monte da Bailadora, a uns 265 metros sobre o nivel do mar, de especial interese natural, e chegamos ao cumio onde se conservan restos de antigas baterías militares: dende alí a imaxe da ría e dunha fermosura incomparable, digna da mellor postal.
A Enseada da Barca é outro dos espazos de interese natural. A esta enseada chégase a través de itinerarios nos que a natureza exhuberante e o mar son elementos omnipresente, regalándonos mil clases de brillos e tonos. Neste espazo extráese a mellor ameixa da ría.
A visión das mariscadoras reflexadas nas fértiles augas das que obteñen o prezado froito é irrepetible, enmarcadas por un dos conxuntos mariñeiros máis pintorescos do territorio: O Seixo; o seu porto de decoradas e coloristas casas con fiestras e balcóns de brilantes cores, algunhas con embarcadeiros, xunto con sintuosas mansións modernistas e indianas forman conxunto arquitectónico único.