Preséntase o Campionato Galego de Remoergómetro, que se celebra o domingo 14 en Mugardos
Publicada o 11 de Xaneiro de 2007 en Deportes
Na mañá do xoves 11 de xaneiro presentouse en Mugardos a edición deste ano do Campionato Galego de Remoergómetro. Ao acto, celebrado no Salón de Plenos, acudiron o alcalde, Xosé Fernández Barcia, o concelleiro de Deportes, Evaristo Deus, a delegada provincial da Consellaría de Cultura e Deporte, Milagros Lantes, e o presidente do Club do Mar de Mugardos, Manuel Roca.
É bo lembrar que a edición pasada tivo como escenario Ferrol, e contou coa participación de máis de 400 remeiros e remeiras, o que, de repetirse, sería un éxito e unha mostra da boa saúde do remo galego.
O venres 12 celebrarase o Campionato Escolar de Remoergómetro no Pavillón do Cristo, no que participarán alumnos e alumnas desde 3º de Primaria a Bacharelato de todos os centros educativos de Mugardos. As probas serán de 10:00 a 14:00 horas. A inscrición é de máis de 300 persoas. Trátase do segundo certame escolar, logo do disputado no mes de setembro, que xa fora un éxito.
O domingo 14 terá lugar o Campionato Galego de todas as categorías, clasificatorio para os campionatos estatais. Cóntase con máis de 400 participantes de toda Galiza. A xornada será de mañá e tarde (10:00 a 13:00 e 16:00 a 19:00).
Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes sinalaron a importancia de que este evento de ámbito nacional se leve a cabo en Mugardos, feito que enmarcaron no auxe da actividade deportiva en xeral que está experimentando a nosa vila. Manuel Roca, pola súa banda, amosouse confiado nas posibilidades do Club do Mar de entrar no podio en todos os niveis.
