O Concello solicita unha subvención para aforro enerxético no alumeado público
Publicada o 15 de Xaneiro de 2007 en Servizos, Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que acaba de solicitar, ao abeiro da convocatoria de 2007 da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, unha subvención para dotar á rede de alumeado público dun sistema de aforro enerxético.
A iniciativa consiste na instalación de equipos redutores de fluxo luminoso, dotados de reloxos astronómicos, que diminúen o consumo de enerxía até nun 40%, e afectará ao casco urbano da vila, a Avenida do Mar e as zonas da Barca-A Cañota, Igrexa de San Xoán, O Lodairo-Morteirado, Francisco Vizoso, Bello Piñeiro-As Escadas, Celso Emilio Ferreiro, O Coruto e A Seaña. Actualmente Mugardos dispón de dous destes aparellos, un no Seixo e outro na rotonda de San Xoán de Piñeiro. O orzamento total ascende a 41.343,34 €.
Estudos realizados recentemente teñen demostrado que o consumo de enerxía utilizado no alumeado público produce unha contaminación equivalente á da metade da que causa o tráfico rodado. No aspecto económico, as facturas do alumeado público do ano 2006 ascenderon a 110.000 €, unha cantidade que se verá así reducida de xeito considerábel.
Esta actuación prodúcese logo da ampliación da rede levada a cabo durante o presente mandato (O Casal, O Lodairo-Seselle, O Monte-A Pita, Praza do Mercado, Campo do Río e rotondas da vía rápida na Gallada, Franza e A Barca), e que se viu tamén complementada coa instalación de dous transformadores en San Vitorio (Franza) e As Barcias (O Seixo), que permitiron rematar cos problemas de baixadas de tensión que viñan experimentando estes lugares desde había anos.
No tocante ás enerxías renovábeis, lembramos que Mugardos conta xa con placas solares que abastecen a dous edificios municipais, a Escola Infantil Municipal (fotovoltaica, para verter enerxía á rede) e o Polideportivo do Cristo (térmica, para auga quente sanitaria). É intención do equipo de goberno instalar máis placas solares nun futuro próximo.
