Concello de Mugardos

Actualidade /

Bando da Alcaldía sobre o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

Publicada o 8 de Marzo de 2007 en Muller

BANDO DA ALCALDÍA

8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

O consenso social conseguido canto á necesaria participación das mulleres na sociedade e canto á condena da violencia de xénero, non permitiu aínda a eliminación da lacra da violencia de xénero, nin evitou que aínda persistan obstáculos evidentes que dificultan que a sociedade responda plenamente ás necesidades e desexos das mulleres, así como que se teña en consideración a necesidade de traballar para eliminar a invisibilidade das mulleres ao longo da historia.

Estas dificultades veñen por parte das administracións públicas e por parte da sociedade mesma, que seguen a ofrecer resistencia aos cambios nun momento de tránsito entre unha cultura patriarcal a outra cultura de igualdade.

No marco político en que nos desenvolvemos, onde contamos con iniciativas e proxectos lexislativos concretos que teñen como fin, en materia de Igualdade, impulsar programas de acción dirixidos a eliminar os estereotipos sexistas e a violencia de xénero, e creados para promocionar de maneira transversal, a igualdade e a corresponsabilidade nas persoas e na sociedade, é importante que a administración local se sume a estas iniciativas e proxectos. Na loita pola igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero, é vital a coordinación e a cooperación entre todos os niveis da administración.

Na medida en que a administración local, polas oportunidades que proporciona a proximidade á cidadanía, e o coñecemento directo das súas necesidades e intereses, traballe para aplicar políticas que incorporen a perspectiva de xénero, tendo en conta as particularidades das mulleres, e manifeste este compromiso de cara ás próximas eleccións locais, seremos capaces de acadar resultados.

Trátase de construír unha nova cultura na forma de facer política, co convencemento de que isto nos levará a unha sociedade máis igualitaria, integradora e solidaria.

As mulleres e os homes que formamos parte desta corporación municipal debemos:

  • Asumir como punto de partida ineludíbel no momento en que estamos, que as accións e medidas para acadar a igualdade son tarefa de toda a corporación municipal.
  • Potenciar a través da coordinación coas administracións, os servizos e recursos existentes para a información, orientación e asesoramento ás mulleres que están a sufrir a violencia de xénero.
  • Fomentar a Educación non sexista, en colaboración coas ANPAs e o profesorado dos Centros Escolares.
  • Promover programas de promoción da saúde, elaborados e desenvolvidos desde a perspectiva do xénero.
  • Eliminar a linguaxe sexista de todos os textos do Concello.
  • Estabelecer que os estudos, estatísticas, informes, etc.., se fagan desde a perspectiva do xénero, na súa orientación, nos seus contidos explícitos e ocultos e, por suposto, na linguaxe que se utiliza para a súa exposición.
  • Promover a recuperación da Historia das Mulleres, actuar localmente na súa recuperación, fomentando o seu coñecemento e recoñecemento mediante accións concretas de carácter divulgativo e rememorativo, promocionando a presenza das mulleres nos espazos públicos, nos nomes das rúas, prazas, e outros espazos.

Mugardos, 8 de marzo de 2007

Asdo., Xosé Fernández Barcia

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS