Concello de Mugardos

Actualidade /

Técnicos de Medio Ambiente avalían en Mugardos o selado do antigo vertedoiro do Segaño

Publicada o 23 de Marzo de 2007 en Medio Ambiente

A Concellaría de Medio Ambiente comunica que esta semana recibiuse a visita de técnicos da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel da Xunta de Galiza, quen inspeccionaron in situ o antigo vertedoiro do Segaño, no límite con Ares.

Esta zona viuse afectada polo lume declarado o pasado verán, que destruíu toda a capa vexetal do vertedoiro. Aínda que este se clausurara hai máis de dez anos, daquela non se lle aplicou un método de selado correcto, o que fixo que todo o lixo quedase ao descuberto.

O Concello púxose en contacto despois do lume coa Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, co fin de lle solicitar permiso para encher o vertedoiro con terra. Non obstante, a xuízo dos técnicos enviados pola administración autonómica, o mellor é realizar un selado en condicións, nivelando as cotas e dotando o terreo dunha nova cuberta e os filtros pertinentes.

A Xunta procederá agora, logo da solicitude oficial do Concello, a redactar o correspondente proxecto de obra que permita selar de xeito definitivo o vertedoiro e rexenerar este espazo de gran beleza natural, situado cerca da entrada da ría.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2009 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS