Concello de Mugardos

Actualidade

Bando da Alcaldía polo Día da Patria 2007

Publicada o Martes 24 de Xullo de 2007 en Xeral

Benqueridos veciños e veciñas:

Nas vésperas dunha nova conmemoración do Dia da Patria Galega, como sinalaba hai algún tempo naquela festa democrática na que o pobo de Mugardos homenaxeaba a quen nos precederon na defensa das liberdades, temos por diante un grande reto: seguir o seu exemplo e sermos quen de protagonizar unha nova transición, de dar un salto cualitativo nas nosas arelas de autogoberno, nas nosas arelas de facer desta Terra un País Novo.

Fagamos deste Día da Patria Galega, deste día grande de Galiza, unha xornada de celebración da nosa identidade nacional, de expresión dun pobo que anceia exercer os seus “dereitos democráticos de autodeterminación política e nacional tanto na emigración coma no interior”, como xa o dixera o insigne galeguista Ramón Suárez Picallo.

Dende a orixe e até os nosos días, en Galiza, en América e no resto do mundo, milleiros de galegos e galegas traballaron por este ideal. Temos o deber de non defraudalos e non perder ocasión para que Galiza xogue un papel relevante na conformación dunhas novas pautas de relación entre os pobos do Estado e no concerto dunha Europa que sexa unha verdadeira Europa dos pobos.

Como Alcalde, convídovos pois a que o Día da Patria do 2007, exterioricemos estas ideas e penduremos de fiestras, barcos e balcóns a nosa bandeira azul e branca.

XOSÉ FERNÁNDEZ BARCIA

ALCALDE DE MUGARDOS

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2008 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS