Concello de Mugardos

Actualidade /

Apróbase a ocupación dos xardíns do Pazo das Condesas

Publicada o 10 de Novembro de 2007 en Xeral, Urbanismo

O Pleno do Concello de Mugardos, nunha sesión extraordinaria celebrada este venres, aprobou a necesidade de disposición da parcela do Pazo das Condesas, actualmente ocupada pola inmobiliaria Mahía, e que pasará a inscribirse no inventario municipal. Esta proposta fora elevada á anterior sesión plenaria polo equipo de goberno (BNG), sendo rexeitada entón con 4 votos a favor (4 BNG), 3 abstencións (3 PSOE) e 5 en contra (3 PP, 1 IU, 1 IpM), aínda que coa decisiva ausencia por motivos laborais dun concelleiro nacionalista. Xa coa corporación ao completo, onte puido saír adiante. O Concello procederá agora a acondicionar e abrir os xardíns ao público para o seu uso por parte dos veciños e veciñas de Mugardos. O Pleno xa aprobara en xullo declarar lesivo o acordo adoptado en 2004 polo que se permutaba esa propiedade coa inmobiliaria.

Acordouse así mesmo aceptar unha subvención de 15.000 euros da Deputación da Coruña para levar a cabo a substitución da rede de abastecemento de auga, actualmente de fibrocemento, na Avenida de Galiza. O Concello deberá achegar outros 30.000 para completar esta actuación, englobada no Plano de Obras e Servizos (POS) adicional de 2007.

Igualmente, aprobouse a modificación das taxas e impostos municipais de devengo anual para o ano 2008 co incremento do IPC.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS