Ábrese o prazo de inscrición para os cursos de formación informática
Publicada o 13 de Febreiro de 2008 en Xeral, Emprego
A iniciativa da Rede de Dinamización da Sociedade da Información do PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información) é unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento das políticas de inclusión na S.I. e o desenvolvemento rural. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e fornecéndolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A Rede conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e outros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
O Concello de Mugardos en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, abre o prazo de inscrición para os cursos de Base de datos e de Folla de Cálculo, coas ferramentas de OpenOffice Base e de OpenOffice Calc respectivamente.
Con estes cursos preténdese diminuír a fenda dixital achegando a Sociedade da Información á cidadanía a través de ferramentas de software libre en galego, xa que existe un atraso respecto aos niveis de España e da Unión Europea. Asemade existen tamén desequilibrios dentro da propia autonomía, especialmente entre a Galiza urbana e o resto da comunidade, que convén compensar.
O prazo de inscrición para os cursos pecharase o 14 de marzo, e contan con 15 prazas cada un.
Requisitos: coñecementos a nivel usuario/a de informática.
Para inscribirse, só hai que achegarse á aula de formación Francisco Vizoso, na Parroquia de Franza dentro do seguinte horario:
- Luns, mércores e venres de 11 a 15 horas e de 16 a 21.
- Martes e xoves de 16 a 21.
Para máis información chamar ao: 671693008. Para máis información sobre o proxecto pódese acudir ao portal web da Rede de Dinamización da Sociedade da Información: http://dinamiza.sociedadedainformacion.eu.
