Nova edición de "A limpar o mundo" no peirao o domingo 28
Publicada o 23 de Setembro de 2008 en Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que, tal e como vén sucedendo desde hai nove anos, colaboraremos na edición de 2008 da iniciativa internacional “A limpar o mundo”, auspiciada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). Pode obterse máis información sobre a campaña global en www.cleanuptheworld.org. Colaboran tamén Protección Civil de Mugardos, Confraría de Pescadores de Mugardos, Asociación Medioambiental Neptuno, a Sociedade Galega de Historia Natural, a sección de Mergullo do Clube do Mar de Ferrol e voluntarios/as de toda a comarca que desexen participar na actividade.
Mergulladores realizarán o domingo día 28 de setembro, a partir das 16.00 horas, unha limpeza nos fondos mariños do peirao de Mugardos, apoiados por outros voluntarios/as en terra na zona onde atracan as lanchas. Unha vez rematado o acto, o Concello ofrecerá un pequeno aperitivo para todos/as os/as participantes. Unha lancha sairá de Ferrol ás 15.30 horas para recoller aos mergulladores que veñan desde Ferrol, e regresará ás 20.00 horas.
As limpezas levadas a cabo nos últimos oito anos xa conseguiron retirar máis de 20 toneladas de residuos do peirao mugardés. Agardamos que isto serva para mellorar a conciencia cidadá sobre o respecto á natureza e a riqueza da flora e da fauna da nosa ría, a grande descoñecida da comarca.
