Concello de Mugardos

Actualidade /

Publícanse as bases para a contratación temporal dun psicólogo ou psicóloga

Publicada o 25 de Setembro de 2006 en Muller, Asuntos Sociais

BASES QUE REXERÁN A CONVOCATORIA E ELABORACIÓN DAS LISTAS PARA A SUSTITUCIÓN TEMPORAL DA PSICÓLOGA MUNICIPAL DO CONCELLO DE MUGARDOS

1.- OBXECTO

O obxecto das presentes bases é regular a convocatoria para a contratación laboral temporal do posto de Psicóloga Municipal, durante o período de baixa laboral máis licenza por maternidade.

2.- FUNCIÓNS DO POSTO DE TRABALLO

As funcións que corresponden ao posto de Psicóloga Municipal serán as propias da Psicoloxía da Intervención Social, especificamente nos seguintes programas:

• Programa de Educación Familiar

• Programa de Prevención da Violencia e Promoción da Saúde

• Programa de Igualdade da Muller

• Xestión municipal da Escola Infantil Municipal

3.- DURACIÓN DO CONTRATO

O contrato terá unha duración igual ao tempo que subsista a situación de interinidade, cesando automaticamente a relación laboral o día de incorporación da actual titular.

4.- REQUISITOS DOS ASPIRANTES

a) Nacionalidade: Ter a nacionalidade española ou dalgún dos demais estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois ou dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea cando así o prevexa o correspondente tratado, e dos nacionais dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores desa idade que vivan ás súas expensas.

Así mesmo, poderán participar as persoas que, non estando incluídos nos parágrafos anteriores, se atopen en España en situación de legalidade, sendo titulares dun documento que os habilite a residir e a poder acceder sen limitacións ao mercado laboral. En consecuencia, poderán participar as persoas que se atopen en situación de residencia temporal, en situación de residencia permanente, en situación para residir e traballar, así como os refuxiados.

b) Idade: ter cumpridos os dezaoito anos e non ter acadado a idade de xubilación.

c) Titulación: estar en posesión do título académico de Licenciatura de Psicoloxía.

d) Capacidade: non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Habilitación: non estar separado do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar igualmente non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.
Todos os requisitos enumerados deberán posuírse o último día do prazo de presentación de solicitudes e manterse até o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

5.- SOLICITUDES, APERTURA DA CONVOCATORIA E PRAZOS

5.1. As persoas que desexen tomar parte neste proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia que se presentará no Rexistro xeral do Concello de Mugardos (Concello de Mugardos, Avda. de Galiza, 45, 15620 Mugardos). Tamén poderán presentarse na forma que determina o artigo 38.4 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común.

5.2. A apertura da convocatoria e o prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no xornal La Voz de Galicia.

6.- DOCUMENTACIÓN

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do DNI ou Pasaporte.

b) Fotocopia cotexada do título académico requirido (Licenciatura en Psicoloxía).

c) Currículo Vitae, no que se fará constar a formación e experiencia profesional.

d) Os méritos que invoquen as persoas interesadas e que, de acordo co baremo previsto, desexen que se lles teña en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos, acreditaranse debidamente por medio de documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexadas fidedignamente, significándose que non se valorarán aqueles méritos que pola Comisión se considere que non estivesen suficientemente acreditados.

7.- TRIBUNAL CUALIFICADOR

O tribunal cualificador estará composto polos membros que constitúen a Comisión Informativa de Asuntos Sociais, un delegado ou delegada de persoal, unha técnica de servizos sociais designada pola Alcaldía e o concelleiro de Persoal.
Ningún Tribunal poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente.
Os membros do Tribunal deberán absterse de intervir, notificándoo á autoridade convocante, cando concorran neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 e 29 da Lei 30/92 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, ou cando realizaran tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación da correspondente convocatoria.
Os aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra calquera desas circunstancias. Os tribunais poderán dispor a incorporación de asesores especialistas para as probas en que así coiden necesario ou conveniente. Os devanditos asesores limitaranse ao exercicio das súas especialidades técnicas, en función exclusivamente das cales colaborarán co respectivo Tribunal.
A designación nominal dos membros dos tribunais incluirá a dos respectivos suplentes e será publicada no Taboleiro de Edictos da Corporación.
A efectos de asistencias e dietas, o Tribunal entenderase encadrado na Categoría Segunda.

8.- SISTEMA DE SELECCIÓN

O sistema de selección será por concurso de méritos e entrevista persoal no caso previsto no apartado 8.2 das presentes bases.

8.1.- Baremación de Méritos:

a. Experiencia profesional (máximo 7 puntos)

1) Por servizos prestados na administración local, na categoría profesional á cal se opta: 0,10 puntos por mes.

2) A experiencia profesional en administracións locais como técnico do Programa de Educación Familiar: 0.05 puntos por mes.

3) Por servizos prestados noutras administracións públicas, na categoría profesional á cal se opta: 0.05 puntos por mes, até un máximo de 5 puntos.

4) Polo exercicio da categoría profesional á cal se opta, en empresas privadas: 0.01 puntos por mes, até un máximo de 2 puntos.
Para os efectos de acreditar a experiencia profesional, os aspirantes deberán presentar certificación da vida laboral con copia de contrato ou certificado emitido polas distintas administracións onde prestase os seus servizos, no cal se especifique o grupo, categoría, tipo de persoal e os períodos, con data de inicio e de remate dos contratos.

b. Formación profesional (máximo 5 puntos)

1) Formación extraacadémica recibida:

a. Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría á cal se opta, realizados polas distintas administracións públicas, escolas das administracións públicas, universidades, INEM, Colexio Profesional de Psicólogos, así como os cursos homologados que teñen informe favorábel da Comisión da Formación Continua da Comunidade Autónoma de Galiza: 0,007 puntos por hora.

Cursos de lingua galega (máximo 0.50 puntos): Só se lles concederá validez, polo que á acreditación de coñecementos de lingua galega se refire, aos cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

i.Iniciación: 0.25 puntos

ii. Perfeccionamento: 0.50 puntos

8.2. Entrevista

Haberá entrevista sempre que houbese empate entre dous ou máis aspirantes, ou unha diferenza entre os candidatos menor de 2 puntos.
A entrevista versará sobre as funcións e tarefas a desenvolver da praza convocada. A puntuación máxima na fase de entrevista será de 2 puntos.
A data da entrevista, en caso de se realizar, terá lugar o 11 de outubro ás 10:00 horas na sala de comisións do Concello de Mugardos.

Unha vez realizada a selección, a comisión de selección elevaraa á Alcaldía para que proceda a ordenar a súa aprobación definitiva e a súa publicación no taboleiro de anuncios do Concello de Mugardos.

9.- ALEGACIÓNS

Os candidatos disporán dun prazo de cinco días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do resultado da selección no taboleiro de anuncios do Concello de Mugardos, para formularen as oportunas alegacións que serán presentadas no Rexistro Xeral do Concello.

Mugardos, 22 de setembro de 2006

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2010 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS