Costa Ártabra subvencionará a rehabilitación dos parques infantís
Publicada o 3 de Outubro de 2006 en Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que a Asociación Costa Ártabra, na súa xuntanza celebrada luns 2 de outubro, aprobou conceder unha subvención para o proxecto “Rehabilitación e adaptación dos parques infantís do Peteiro, Campo dos Carneiros, A Pedreira, Os Novás e San Xoán”.
Algunhas destas zonas, nomeadamente os parques do Peteiro e Os Carneiros, xa teñen superado a súa vida útil, polo que se facía necesaria a súa substitución. A solicitude de axudas ao abeiro do Programa Proder II foi presentada polo alcalde, Xosé Fernández Barcia, o pasado 8 de xuño de 2006.
A actuación consistirá no acondicionamento e mellora das devanditas cinco áreas de lecer segundo a normativa existente, dotándoas de todas as medidas de seguridade precisas, e implicará a instalación de novos equipos de xogos e os seus correspondentes amortecedores, así como a sinalización informativa. O orzamento total do proxecto ascende a 119.324,03 €, dos que Costa Ártabra achegará 59.662,01 € e o Concello outro tanto.
