O servizo de limpeza viaria reforzarase cunha varredora
Publicada o 4 de Outubro de 2006 en Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana aprobouse o inicio do proceso de contratación, mediante concurso aberto, da subministración dunha máquina varredora para a limpeza viaria. O orzamento do vehículo é de 44.660 €, dos que 27.992,89 corresponden a unha subvención da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña.
As características técnicas mínimas que deberá reunir a varredora son as seguintes:
- Motor diésel 14 Kw.
- Cabina pechada con ampla visibilidade, cristal de seguridade, dous espellos retrovisores e dúas portas de acceso.
- Accionado hidráulico para o desprazamento da máquina e para os órganos móbiles (cepillos, baleirado de depósito, etc).
- Recipiente de recollida de residuos de 500 litros mínimo, con posibilidade de descarga en alto, directa aos contedores urbanos.
- Dous cepillos frontais con dispositivo de pulverización de auga para evitar o po.
- Aspiración central con turbina picadora para reducir volumes.
- Velocidade de desprazamento mínima: 15 Km/hora.
- Radio de xiro máximo: 3.000 mm.
- Ancho de varrido: 1.400 mm.
- Sistema luminoso de advertencia.
O concelleiro de Medio Ambiente, Moisés Rivadulla, subliñou a importante mellora que experimentará a limpeza viaria mediante a adquisición deste aparello.
