Concello de Mugardos

Actualidade

Inícianse os trámites para a construción da depuradora

Publicada o Domingo 8 de Outubro de 2006 en Medio Ambiente

Os alcaldes de Mugardos, Ares e Fene mantiveron venres 6 de outubro en Santiago de Compostela unha xuntanza do director de Augas de Galiza para se interesar polo proxecto de construción da depuradora de augas residuais na marxe sur da ría de Ferrol. A Xunta amosou a súa intención de licitar as obras en canto os concellos poñan ao dispor da administración autonómica os terreos nos que se situará a EDAR, que se emprazará en territorio aresano.

A depuradora contará cun orzamento aproximado de 16,4 millóns de euros e quedará preparada para atender as necesidades duns 50.000 habitantes, é dicir, o dobre da poboación coa que contan na actualidade as localidades ás que dará servizo a nova infraestrutura. Esta actuación, demandada desde hai anos, permitirá completar o saneamento integral da ría ferrolá, posto que cabe recordar que na zona norte xa se está a construír outra EDAR, coa que se dará servizo aos concellos de Ferrol, Narón e Neda.

O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, manifestou a súa satisfacción polo inicio destes trámites, e comprometeuse, xunto cos seus homólogos de Fene e Ares, a levar a cabo a merca dos terreos necesarios o antes posíbel. “A depuradora é unha infraestrutura fundamental para a recuperación da riqueza biolóxica da nosa ría e garantir unhas condicións hixiénicas básicas para a poboación, e congratulámonos de que o bipartito se teña marcado como obxectivo a súa construción no horizonte desta lexislatura”, dixo Barcia. O rexedor tamén sinalou que as obras implicarán a separación das augas pluviais das fecais en todo o municipio.

Consellería de Innovacion e Industria

Páxina subvencionada pola Consellería de Innovación e Industria

© 2006-2009 Concello de Mugardos. Todos os contidos mostrados nesta páxina pertencen ao Concello de Mugardos.

XHTML 1.0, CSS, WAI-AAA, RSS