Publicada o Sábado 28 de Outubro de 2006 en Servizos, Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que vai solicitar á Xunta de Galiza, ao abeiro dunha liña de subvencións que acaba de publicar a administración autonómica, os fondos necesarios para levar a cabo a adquisición dun novo vehículo contraincendios municipal. Actualmente o Concello conta cunha motobomba antiga con capacidade para 7.000 litros de auga, utilizada en tarefas de extinción fundamentalmente como alxibe.
O novo vehículo que se propón adquirir, que serviría de complemento ao xa existente, é un pick-up de só 400 litros de capacidade, mais con altas prestacións no referente a manobrabilidade e velocidade, idóneo pois para a extinción de pequenos lumes e tamén para traballos de desatasco ou limpeza. Caso de que a subvención sexa concedida, o Concello tería que contribuír cuns 16.000 €, o 20% do orzamento do vehículo.