Publicada o Xoves 30 de Novembro de 2006 en Servizos, Obras, Medio Ambiente
A Concellaría de Obras do Concello de Mugardos comunica que no Pleno celebrado hoxe xoves 30 de novembro aprobáronse as actuacións que se incluirán no Plano de Obras e Servizos 2007 da Deputación da Coruña, e que son a separación das augas pluviais na Avenida dos Corzás e nas rúas María e Real. As tres actuacións suman un total de 214.816,93 €, dos que o organismo provincial achegará 150.448,01 €, sendo o resto dos fondos municipais.
O esforzo investidor que Mugardos vai realizar a partir de agora para separar as augas pluviais das fecais é “imprescindíbel para o funcionamento da futura depuradora e para evitar os asolagamentos que padecen varios puntos do municipio”, segundo apuntou o concelleiro responsábel desta área, Moisés Rivadulla.
Como obra complementaria levarase a cabo a renovación da rede de abastecemento de auga nunha marxe da Avenida de Galiza, o último tramo que queda por repoñer no Concello.
No mesmo Pleno aprobáronse tamén dúas modificacións de crédito, unha por importe de 84.993,30 € para a renovación da rede de saneamento na Avenida dos Corzás, que resultou danada estes días polas fortes choivas —hai un tramo de máis de dez metros de calzada levantado—, e outra de 10.890,53 € para a instalación da luz pública no Camiño do Casal (na parroquia de Franza), que actualmente carece deste servizo. Este alumeado ten un orzamento total de 18.150,88 €, do que a Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza achega o 40%.