Publicada o Xoves 14 de Decembro de 2006 en Deportes
A Concellaría de Deportes comunica que xa se adxudicaron as obras de acondicionamento e mellora do Pavillón Polideportivo do Cristo. A empresa encargada de levar a cabo estes traballos é Terrauga, por un importe de 133.012,8 €, financiados de xeito plurianual nun 80% pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza e nun 20% polo Concello de Mugardos.
Esta actuación, obtida logo das xestións levadas a cabo polo equipo de goberno perante a administración autonómica, consistirá na reposición da cuberta, para evitar pingueiras e condensación, reposición de baixantes, arranxo do falso teito, substitución de portas e pintado resistente ao lume da estrutura metálica da instalación, dando cumprimento ao novo Código Técnico da Edificación que entrou en vigor recentemente.
Con esta obra o Concello pretende mellorar a calidade das actividades deportivas e culturais que se desenvolven nestas instalacións municipais. Na actualidade o Pavillón Polideportivo do Cristo é utilizado semanalmente por máis de 500 persoas, máis todos os eventos puntuais que se organizan nel ao longo do ano.