
Un dos grandes atractivos que Mugardos ofrece aos visitantes é a súa gastronomía, enraizada nunha cultura ancestral e baseada na calidade dos produtos.
Consulte o directorio de establecementos de hostalaría.
Se algo destaca na cociña mugardesa é a calidade, variedade e riqueza dos produtos do mar, cociñados de forma familiar, artesanal e pausada, que ten como resultado pratos deliciosos.
De feito, a gastronomía é un dos principais encantos para os turistas que aquí se achegan.
A frota pesqueira da zona, adicada desde tempo inmemorial á pesca da sardiña para salazón e á captura do polbo, entre outros, mantén esta tradición e segue proporcionando gran variedade de peixes, crustáceos e moluscos que constitúe o polo de atracción de xentes de dentro e fóra da comarca durante todo o ano.
Pero se hai un protagonista absoluto na gastronomía de Mugardos, este é o polbo. Ocupación tradicional dos mugardeses, tal e como se reflexa no cantar popular "os da Graña son cintores; os da Redonda canteiros; os de Cervás labradores e os de Mugardos, pulpeiros". A captura deste molusco foi a adicación case exclusiva durante décadas, xa que, xunto co Grove, na ría de Aro

usa, era o máis solicitado nas feiras do interior de Galicia.
Mugardos ademais é coñecido na cociña galega e internacional por idear un prato propio, o polbo á mugardesa, de sinxela elaboración: mázase o polbo, ponse en agua a ferver (preferiblemente de mar), e cando esta chega ao punto de ebulición, "asústase" o molusco introducíndoo tres veces na pota, suxeitándoo pola cabeza, para que quede máis tenro.
Nunha tixola faise o refrito de aceite, cebola e pimentón doce. Engádense as talladas de polbo e acompáñase con "cachelos".
A Festa do polbo de Mugardos
A Festa do Polbo de Mugardos foi declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia.
A partir dese momento sempre se celebra o segundo sábado do mes de Xullo.
A festa do produto máis típico de Mugardos celébrase no Cantón de Cora durante todo o día, no que a xente pode degustar o polbo á mugardesa, ademais de divertirse coas charangas.
O marisco
O marisqueo a pé practícase nestas terras en especial polas mulleres, e en zonas convenientemente protexidas e cun fondo de area e limo que reúne as condicións idóneas para o seu cultivo, como é o caso das enseadas da Redonda e da Barca, entre outras.

O marisco é un dos praceres imprescindibles que hai que experimentar en Mugardos.
As augas da ría son o caldo de cultivo perfecto para a cría de moitas especies, pero unha delas prima entre todas: a ameixa, aquí con denominación de orixe "ameixa da ría", moi cotizada e recoñecida pola súa calidade e exquisito sabor, xa sexa da variedade "fina" ou "babosa", aínda que tamén o berberecho ten un sabor peculiar.
Esta ría xenerosa, incriblemente fértil, produce prezados tesouros que podemos degustar en caldeirada, á mariñeira, á galega, ao forno, na súa tinta, á prancha, ao vapor... non importa de que maneira, o seu sabor traerá ao noso padal un anaco de mar en toda a súa plenitude e grandeza.